Nova solicitude dunha estación de AVE para o Barbanza (Canal 7 Rías Baixas 17/10/2013)

http://www.canalriasbaixas.com/index.php/barbanza-noia/item/14401-nova-solicitude-dunha-estaci%C3%B3n-de-ave-para-o-barbanza
Nova solicitude dunha estación de AVE para o Barbanza
A reclamación parte novamente do voceiro de Unión Popular de Boiro, Javier Chouza, quen considera que a parada na Escravitude, non satisfará os intereses da comarca.
Os importantes avances nas obras de construción da liña do tren de alta velocidade, no tramo entre Santiago e Vilagarcía, volven a poñer de actualidade unha vella reclamación da sociedade barbanzá, como é a construción dunha parada que dea servizo á comarca. Dende UP Boiro, volven a reclamar ás autoridades políticas e ós responsables dos distintos colectivos empresariais e sociais, a necesidade de aunar esforzos, para conseguir que esta solicitude sexa unha realidade. A actual ubicación prevista por Fomento sitúa esta estación no lugar da Escravitude, en Padrón. Unha zona segundo o voceiro de Unión Popular de Boiro, Javier Chouza, moi alonxada, e que en nada beneficiaría a esta comarca. Por esta razón, e apoiadado de estudos técnicos, como o realizado polo propio arquitecto Carlos Henrique Fernández Coto, considera máis idóneo ubicar ese apeadeiro á altura do quilómetro 4 da Autovía do Barbanza, no concello de Dodro. Malia que desexaría unha estación do AVE no Barbanza, dende a Mancomunidade de Municipios Arousa Norte entenden que os criterios técnicos e de racionalización de recursos impiden a modificación deste proxecto. neste sentido, consideran que a estación prevista na Escravitude está bastante próxima ós concellos barbanzáns. Sen embargo, dende a Mancomunidade cren necesario estudar outras alternativas que garantan un servizo ferroviario na comarca como podería ser o mantemento da actual liña que pasa por Catoira.